Monday 06 de May de 2024

Xa dispoñible na web do Concello de Fene a terceira entrega de “Tardes activas desde a casa”


Como vimos informando, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Fene ten en marcha unha proposta de dinamización para a poboación maior de 55 anos que queira aproveitar este confinamento para exercitar as súas aptitudes cognitivas por medio do xogo e o recordo. Trátase dunha continuación virtual das dinámicas que se facían presencialmente antes do inicio da crise sanitaria. Todos os materiais -que van pola terceira entrega- están dispoñibles na web fene.gal.

Nesta terceira entrega propóñense retos, actividades de cálculo, actividades de memoria verbal, visual, .. unha chea de actividades para entreterse mentres duren as restricións á mobilidade do Estado de Alarma.

Desde a área de Servizos Sociais convídase a que as persoas participantes resolvan os exercicios propostos e que os compartan entre si. As solucións -e tamén novas ideas- poden remitirse ao correo do departamento:servizos.sociais@fene.gal.

Por outra banda, o Concello tamén adaptou parte dos contidos a un formato radiofónico, de xeito que se faciliten as vías de participación ampliándoas a aquelas persoas que non teñan competencias dixitais ou que non dispoñan de ordenador ou alguén na casa que poida axudarlles.

Así, os luns a partir das 12.00h. emítese en Radio Fene o espazo “+Memoria” proporcionando a través das ondas exercicios e actividades prácticas enfocadas á prevención do deterioramento cognitivo. Este aspecto refórzase desde outra óptica con “Recordando o noso”, que se emite os mércores á mesma hora tratando cada día un tema distinto sobre a historia, os usos e costumes do pasado local. O obxectivo é tamén exercitar o cerebro a través da memoria pero, principalmente, búscase ofrecer un punto de encontro veciñal radiofónico co que crear comunidade e vencer o illamento social marcado polas actuais circunstancias.

Desde os Servizos Sociais do Concello de Fene lémbrase que ante calquera necesidade asistencial urxente -alimentos, medicamentos, produtos básicos- pódese contactar co Centro Municipal de Servizos Sociais -981 492 706 / 981 342 607 / 607 616 840- ou enviar un correo a servizos.sociais@fene.gal. Tamén se atenden chamadas desde o Concello no 981 492 707 -luns a venres en horario de mañá-, na Policía Local -981 492 777- ou na agrupación de Protección Civil -663 379 073- quen responden ás peticións durante todos os días da semana entre as 7.30 e as 21.30h.